Sunday 28 de April de 2024

A “Gran Festa Infantil Cidade de Narón” celebrarse este domingo no parque de Freixeiro


O parque de Freixeiro acollerá este domingo a “Gran Festa Infantil Cidade de Narón” organizada polo Concello. Un ano máis apóstase dende o goberno local por esta celebración para convocar aos nenos e nenas a un evento co que despedir a tempada estival, a poucos días do regreso ás aulas, tal e como indicou a concelleira de Festas, Mar Gómez.

Os inchables acuáticos con tobogáns, camas elásticas, un circuíto de karts, touro mecánico, unha xincana acuática, pintacaras… terán cabida neste evento, no que non faltará unha festa holi –de 18.00 a 19.00 horas- na que haberá 600 bolsas de pós de cores, e tamén a xa tradicional festa da escuma -19.00 a 20.00 horas- coa que se pechará esta celebración, con acceso de balde.

A maiores, o Concello colaborará coa asociación sociocultural ASCM, que instalará un posto de “Bocatín” no que se podrán adquirir os bocatas Naroncho, Naronque e Naronxa, de chourizo, queixo e xamón cocido respectivamente, a un prezo de catro euros, con auga e unha peza de froita no lote bocatín e con posibilidade de diferentes combinacións. O posto estará operativo no horario da festa infantil e a recadación será a favor das persoas con discapacidade

Dende o Concello recordouse que a celebración do evento implicará unha serie de restricións no tráfico rodado na zona, concretamente nos viais de acceso ao parque de Freixeiro.